
Eólica así non!
ACOUGA

9 jul 2023
E de súpeto aparece a Patronal Eólica de Galicia, alporizada porque os Tribunais botan abaixo uns proxectos enerxéticos que non cumplen as Leis. E claro, utilizan as ferramentas que adoitan usar contra os propietarios das terras cando queren expoliar as súas terras : mentiras, falla de información , deturpación da realidade, obscurantismo, medo , acoso e ataques persoais .
Síntense atacados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia , porque este entende os argumentos razoados de asociacións ambientalistas e civicas e dalles a razón nas sentenzas.
Dende ACOUGA estamos fartos de ver e aturar as formas destas empresas. Temos centos de contratos que presentan a propietarios de terras con cláusulas abusivas, asobaiando os dereitos da xente, mentindo nas declaracións responsábeis e solicitudes de interese públicas e especiais.
Falan de centos de postos de trabalho que van a construir pero non aportan datos reais nen obxectivos.
Según o informe Ardan de 2022 das 100 maiores empresas da provincia de Lugo, Norvento Estelo SLU, facturou màis de 44 milhóns de € e non hai nin un só empregado. Queren máis casos? Témolos , ousexa que menos trolas.
Dín que aportan beneficios futuros a propietarios. No P.E. Sasdónigas en Mondoñedo, xa levan traballando varios anos pese a ter sentencias contra o mesmo do TSXG e TS, non aportaron nin un só € pese a ter facturado cantidades astronómicas.
Tamén falan de beneficios sociais as entidades locais. Aquí en Mondoñedo non vimos nin o primeiro. Pagamos a enerxía ao mesmo prezo que calquera outra persoa en Madrid, coa diferencia que eles non teñen que aturar os perxuicios dos aeroxeradores.
Agora que xa sabemos da cuantía dos beneficios destes altruístas negocios, podemos referirnos aos prezos que ofrecen aos propietarios. Por unha superficie aproximada de 5.400 metros e con unha duración de 30 anos, ofrecen a cantidade de 100 € en pago único.
Obligacións da persoa que firma o contrato ? Todas as derivadas de fiscalidade correspondente : pago de IRPF sempre por ter un segundo pagador, alta en Actividades Económicas como arrendador con obriga de declaración trimestral e resume anual , asumir o posíbel incremento do IBI ao modificar a cualificación do chan, pérdida de dereitos da PAC cos consecuentes pagos , deprezación económica das propriedades debido a estar dentro dunha poligonal…
As persoas que non firman os contratos son ameazadas polas empresas con expropiar. Como si unha empresa privada puidera expropiar. Pois non, quen expropia é a administración pública e sempre por causa motivada.
O problema é que en Galiza esa administración é a Xunta e xa sabemos todos do compadreo que teñen coas eólicas.
E a complicidade é máxima deixando as xentes indefensas. Cómo se pode entender que se aproben DIAs que dín que O Caminho de Santiago non pasa por Sasdónigas en Mondoñedo?
Ou decir que os aeroxeradores son atractivos para os turistas suponhendo un valor engadido en vez de unha afección ao mesmo?
Cómo se pode aprobar que na parroquia de Amil , en Moraña, non se fixera un estudo rigoroso do património cultural, e que teñan que ser os veciños os que se adiquen a atopar petroglifos , tetrasqueis e outros elementos históricos para que non sexan dinamitados polas obras do parque eólico ?
En qué cabeza pode entrar que as medidas correctoras en caso de afección ao paisaxe de aeroxeradores de 200 m. consistan na execución de pantallas vexetais?
En parques situados en Castro Caldelas, San Xoán de Río e Ribas de Sil a empresa dí que non afecta a Ribeira Sacra. E a Xunta apróbao.
E poderiamos estar realatando casos como estos ata facer unha lista moi longa pero non, as empresas dín sentirse en situación de inseguridade xurídica.
E entón recurren a médios de comunicación galegos e estatais pra difundir que están sendo maltratados pola Xustiza.
E claro, aprece a Confederaciòn de Empresarios de Galicia, a botar unha man a patronal eólica , cos mesmos argumentos e sen falar nin un momento da inseguridade que sofren as pequenas empresas gandeiras, agrícolas, forestais e do sector primario debido a politicas ruìns e depredadoras. Dende as suas poltronas sò pensan nas empresas grandes, demostrando a sua cobardìa. Sóbralles cobiza e soberbia. Mansos cos fortes e duros cos pequenos. É normal, can non come can.
Intentan desprestixiar a un maxistrado do TSXG por ter sido deputado dun grupo político no pasado. E logo, eso é ilegal? Dubidan da independencia xurídica do Tribunal? Ou acaso queren vostedes nomear tamén aos maxistrados?
Lembrámoslles que a Sra. Beatriz Mato foi conselleira da Xunta , reponsábel de aprobar as DIAs ata que Greenalia lle ofreceu un posto no Consello de Administrazón.
O ex-conselleiro de Industria, Sr. Francisco Conde , fixo propaganda e apoio público de Norvento en moitas ocasións e esta empresa é a condenada nos tribunais polo desastre de Sasdónigas e a promotora da destrucción do monte Acibal en Moraña.
Esto si que carece de ética.
Pero saben por qué están saindo sentencias contra os parques ? Porque son fraccionados artificiosamente para eludir a normativa estatal e tramitalos pola da Xunta que é moito mais laxa e permisiva. E porque se crean acumulacións de sinerxias que van contra a Lei . E porque son publicados con prazos curtisimos e sen a debida transparencia que non se axustan a lexislación europea.
Esa é a verdade e as sentencias están perfectamente fundamentadas e eso é o que lles manca , porque están acostumados a asobaiar , a mercar vontades e pensar que con cartos poden facer o que lles pete. E non, neste caso saíulles mal a xogada.
Somos moitas xentes e organizacións que queremos un proceso de transición ecolóxica sustentábel, respetuoso co medio ambiente, co território e coas persoas. E imos seguir loitando e procurando a xustiza que unha Xunta de Galicia cómplice e irresponsábel non nos procura.
E vostedes terán os cartos pero nos temos a verdade , non mentimos, non espoliamos nin depredamos. E sobre todo facémolo por un futuro mellor para nosas xentes, nosos fillos e o Pais, non polas nosas contas bancarias.
Si queren claridade e transparencia para que a opinión pública saiba a verdade, reiteramos o convite a un debate aberto, com datos obxectivos , oficiais e contrastados. Poñan data e lugar e así a xente poderá ter unha idea certa das dúas versións sobre o tema.
Pedir empatía a quen leva anos triturando a pequenos propietarios , ocupando terras a precio de pena e expropiando a quen non se doblega, sería moito pedir, pero temos que esbozar un sorriso cando sinten preocupación e inseguridade xurídica. A xente do común leva con inseguridade xurídica ata fai moi pouco tempo e o desleixo administrativo segue a ser total.
E mentras tanto, si vostedes se sinten en situación de inseguridade tomen tila, moita tila que é moi boa pra os nervos e deixen que esta sociedade siga avanzando polo camiño da democracia e do respecto a Lei.
Manuel Germade Mayo
Coordinador de persoas asociadas en ACOUGA polas eólicas.
Voceiro das “Afectadas polas Sasdónigas”.